13.3.09

Política económica de libro: receitas fronte a crise


A realidade ilustra as medidas de política económica que poden tomarse nunha situación de crise ou recesión como a actual.

Na noticia que atoparás no enlace cóntannos que Gran Bretaña vai poñer máis diñeiro en circulación, imprimindo 150.000 millóns de libras (uns 167.000 millóns de euros). Esta medida estimulará o consumo e a produción, e servirá para loitar contra o desemprego, pero como contrapartida provocará un aumento dos prezos (inflación). Dado que a situación actual é de prezos moi baixos (incluso asoma a pantasma da deflación) este problema non parece preocupante para o consumo interno. Outra cousa será a competitividade fronte ás empresas de outros países, pois podería darse o caso de que ese aumento do consumo sexa a costa de importar produtos de fóra.

Cando, como no caso anterior, se actúa sobre a cantidade de diñeiro en circulación estamos a tomar unha medida de política monetaria. E se pretende aumentar o consumo e a produción diremos que é unha política monetaria expansiva.

Pero ademais o Banco de Inglaterra parece disposto a reducir os tipos de xuro ata o 0,5% (na zona euro é do 2%). As baixadas do tipo de xuro tamén provocarán un aumento na mesma dirección: crecen o consumo e a produción, coa mesma contrapartida que o anterior (aumento dos prezos e a conseguinte perda de competitividade fronte ao resto de países).

Cando se actúa sobre os tipos de xuro, estamos a tomar outra medida de política monetaria expansiva.


Outras medidas de política económica expansiva, esta vez de carácter fiscal, e que tamén foron aplicadas recentemente na maioría dos países, son unha baixada dos impostos ou un aumento do gasto público.