24.2.08

¿DE ONDE SAE A ENERXÍA QUE UTILIZAS?


central térmica de As Pontes

As centrais das Pontes e Arteixo utilizarán gas natural, subministrado pola polémica regasificadora de Mugardos, co que contaminarán un 44% menos que usando carbón. Cando ambas as instalacións se incorporen á rede, Galiza incrementará a súa capacidade xeradora de enerxía eléctrica nun 23%, ao pasar de 27.000 gigavatios hora a 33.300 ao ano.
A enerxía eléctrica producida na Galiza, sumando xa estes ciclos combinados, cubrirá o 13% da demanda anual de toda España, que no 2006 foi de 253.450 GWh.
As centrais de ciclo combinado saciaron o ano pasado o 28% das necesidades enerxéticas de España, segundo Rede Eléctrica. Convértese así na materia prima con máis peso na produción eléctrica nacional, por encima do carbón (que atendeu o 26% da demanda) e da nuclear (23%). Pero, segundo as previsións do Goberno central, dentro de catro anos, as turbinas de gas cubrirán o 33% das necesidades enerxéticas de España, máis que o carbón (15%), nuclear (17,5%) e seguido de cerca polas renovables (30,9%): hidroeléctrica, eólica, solar.
Ese é o escenario a catro anos vista deseñado polo Goberno e reflectido no Plan Nacional de Asignacións (PNA) 2008-2012, no que, como ocorreu co plan aínda en vigor, prémiase con máis dereitos de emisión ás centrais de gas, en detrimento de as de carbón. O obxectivo é fomentar o uso dunha enerxía escasamente contaminante, recortar emisións e achegarse aos obxectivos do Protocolo de Kioto.
Unha central de ciclo combinado, como a das Pontes, de 800 megavatios, emitirá á atmosfera 400 gramos de dióxido de carbono -o principal gas de efecto invernadoiro e do cambio climático no planeta- por un quilovatio hora neto xerado. Esa mesma cantidade de produción nunha central de carbón concluirá en 900 gramos de CO2 emitidos. En definitiva, un 44% menos.
Ademais, unha instalación de gas non xera dióxido de xofre, como as de carbón. Si emite, en cambio, óxidos de nitróxeno.
Adega en Galiza, critica que a planta de gas estea situada en Mugardos e non está de acordo co sistema enerxético español. Pero recoñece que o gas é o mellor dos combustibles fósiles porque con el reducirase a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera: é un mal menor.
Adega é partidaria de que as enerxías renovables atendan toda a demanda de electricidade. Tamén aposta pola aplicación de medidas dirixidas a fomentar o aforro enerxético e a incrementar a eficacia das instalacións.
¿E nós que podemos facer?. Por un lado, esixir que as políticas enerxéticas dos nosos gobernantes estén orientadas cara ás renovables, e por outro, consumir só a enerxía que necesites, tomando medidas de aforro e eficiencia enerxéticas.