29.4.08

visita a Inditex (III)



Seguimos no centro loxístico (curiosidade: na planta máis pequena estaban a distribuir o produto para o cono sur, Arxentina, Chile, Uruguay. A onde, como están no outono, están mandando a roupa do inverno). A parte que parecía máis agobiante era a sección de planchado, con unhas máquinas especiais segundo a roupa sexa para homes, mulleres e nenos.

Noutra planta da plataforma loxística vimos o centro de distribución con guías mecanizadas que levan a roupa para as caixas onde será embalada e a continuación embarcada no camión que lle corresponde segundo sexa para transporte terrestre ou aéreo.
Entre as guías, as tolvas, as cintas mecanizadas, destaca unha máquina que, pola súa dimensión, foi especialmente creada para Zara, chamada "carrusel" e que permite distribuir as pezas que van planchadas e empaquetadas.

A enorme flota de camións que vemos no exterior, todos coas cores da empresa, resulta ser un servicio externo (pertencen a empresas particulares que prestan o servicio en exclusividade a Inditex).

Para finalizar, a amable relacións públicas contounos o esforzo da compañía pola sostenibilidade que se concreta en reciclado de plásticos, cartóns, e outros materiais, e na produción de enerxía eólica (teñen un gran aeroxerador no polígono) para abastecer ás fábricas contíguas, vendendo o excedente a Fenosa.
Aproveitan tamén o calor do departamento de planchado utilizándoo para a calefacción da sede central da compañía.

Contarvos tamén que a excursión continuou pola Coruña coa visita á exposición da Fundación Caixagalicia (o arte e a moda) na que poidemos ver creacións de Yves Saint Laurent e obras de Pablo Picasso, Henri Matisse, Piet Mondrian o Andy Warhol, entre otros, nas que se inspirou.
A imaxe corresponde a un taller de deseño que fixemos na propia fundación.

21.4.08

visita a Inditex (II)


Dalí fomos a outro edificio, a plataforma loxística, unha nave con 500.000 metros cuadrados, conectada coa sede central e varias fábricas (oito?) por 260 Km. de túneis subterráneos con guías mecanizadas por onde circulan as prendas. Curiosidade: Os empregados teñen unhas bicis para desprazarse pola superficie.
Eses patróns que vimos antes son colocados nas pezas de tea, para poder cortalos, pero antes outro software e unhas especialistas tentan aforrar tea poñendo as diferentes pezas no ordenador como se fose un Tetris (aforrar 2 ou 3 cm. en cada peza, multiplicado por miles de pezas son moitos cartos de custo en tea)..... Por certo: as especialistan consiguen aforrar máis metros que o programa informático.
Despois ven o corte das pezas de tea (teñen millóns de metros almacenados, que son vendidos a Zara por distintos provedores. Vimos unhas 30 salas para recibilos na sede central). Para cortalas hai unhas mesas que poden ter uns 30 metros de longo con unhas máquinas que van extendendo os rolos de tea, formando unhas 50 capas. Para facilitar o manexo de tanto peso as mesas teñen uns buratos polos que sae aire comprimido. Outra máquina vai precintando as teas e facendo o vacío para que, cando outra máquina empece a cortar, as teas non se movan e o corte saia perfecto.

As pezas de tea cortadas nalgúns casos son enviadas ás fábricas que están no polígono, noutros son enviadas a fábricas doutros puntos de Galiza ou norte de Portugal, e noutros a países como Marruecos, México, China ou India para o seu cosido. Aquí só queren as fases nas que se crea valor engadido, deixando os procesos máis sinxelos para empresas de países nos que a produción é moito máis barata.

Por exemplo: cal é o recorrido que fai un pantalón texano comprado por un venezolano en Caracas nunha tenda de Zara?. Estaría deseñado, patronado e cortado en Arteixo, meteríanse as pezas de tea nunha caixa de cartón e as levarían nun camión até o avión para que sexan cosidas nunha fábrica china (que cobrará uns céntimos de €) e unha vez confeccionado voltará en avión a Arteixo para ser planchado, etiquetado, comprobada a súa calidade e envolto en plástico, listo para levalo de novo en camión e avión até Caracas.

O curioso é que se no lugar dun venezolano é un chino de Shangai quen compra nun Zara , o recorrido do pantalón é o mesmo, iría a China para ser cosido, voltaría a Arteixo e de novo para China. ¿Compensa economicamente?

Vendo os beneficios de Zara está claro que sí. Producen onde máis barato é, quedándonos aquí co proceso que máis valor engadido crea e co control de toda a produción para garantir que as prendas cumplan uns estándares.
Se o pantalón vai a China con outros millóns de pantalóns e volve, é porque despois vanse distribuír a todo o mundo dende Arteixo, sen asumir o custo doutras plataformas loxísticas espalladas polos diferentes continentes. Ademáis, aproveitando as viaxes de ida e volta que fan outras prendas entre Arteixo e China, o custo do transporte dese pantalón, entre millóns, é case insignificante no prezo final.

16.4.08

visita a Inditex I



A visita á sede central de Inditex en Arteixo, para ver as distintas fases do proceso foi moi interesante.
Tede en conta que en Arteixo só están instalados Zara "hombre", Zara muller e Kiddy's Class. Tamén están Zara home (hogar) e a nova tenda Uterqüe. O resto: Bershka, Pull and Bear, Stradivarius, Massimo Duti, e Oysho, están nos centros de Zaragoaza e Barcelona. Por falta de espazo en Arteixo din eles, sopoño que tamén por facilidade para distribuír o produto. Tamén porque cando compraron Massimo Duti, esta marca era catalana.

Non recordo exactamente o nº de países nos que está reprsentado o grupo, nin o número de tendas, pero eran uns 68 países e 1300 tendas (?). De todas formas, estas cifras van quedar anticuadas en pouco tempo pola súa imparable expansión. Curiosidade: Hai países nos que non se venden prendas en cor amarela, e outros nos que a cor laranxa está reservada para o sagrado (como a India e os budistas e hinduístas).

Comezamos polo departamento de deseño, onde "country managers" de diferentes países diante de ordenadores e rodeados de fotos e recomendacións que envían "ojeadores" de lugares como Tokio, Amsterdam ou NovaYork, as cidades onde a xente viste dun xeito orixinal e que pode crear tendencias.
Unha vez feito o deseño, un programa informático o transforma nun patrón, e convérteno en pezas das diferentes tallas.
O 60% da planta de deseño está dedicada á muller e o 40% restante divídese entre home e nenos, e en cada unha diferentes liñas, por exemplo en homes temos zara men (máis calidade e maior prezo), TRF (medio) e Zara basic. Curiosidade: para a roupa de nenos teñen uns maniquíes, para homes e mulleres teñen uns modelos que non paran de probar roupa (...como chollo non parece moi estimulante ¿non?)
Despois seguiremos co proceso produtivo pero antes comentar que, nese edificio, visitamos as tendas piloto: un pequeno centro comercial fantasma, onde impecables tendas cos produtos que van estar nas tendas proximamente perfectamente colocados nas estanterías, e con empregados sacando fotos para que nas diferentes tendas do mundo saiban como teñen que poñelos.
Destacaba a nova cadea de Uterqüe, na que venderán complementos propios dun certo nivel nunha decoración con librerías clásicas sobre fondos negros, nos que destacará o artículo por medio da iluminación.

Zara en Pekín

Para terminar varios datos:
Todas as tendas do mundo son iguais e son montadas con materiais e equipos que viaxan dende a nosa terra.
E en todas elas soan 500 temas de música seleccionada por especialistas. Cada semana son renovados 100 deles.