21.4.08

visita a Inditex (II)


Dalí fomos a outro edificio, a plataforma loxística, unha nave con 500.000 metros cuadrados, conectada coa sede central e varias fábricas (oito?) por 260 Km. de túneis subterráneos con guías mecanizadas por onde circulan as prendas. Curiosidade: Os empregados teñen unhas bicis para desprazarse pola superficie.
Eses patróns que vimos antes son colocados nas pezas de tea, para poder cortalos, pero antes outro software e unhas especialistas tentan aforrar tea poñendo as diferentes pezas no ordenador como se fose un Tetris (aforrar 2 ou 3 cm. en cada peza, multiplicado por miles de pezas son moitos cartos de custo en tea)..... Por certo: as especialistan consiguen aforrar máis metros que o programa informático.
Despois ven o corte das pezas de tea (teñen millóns de metros almacenados, que son vendidos a Zara por distintos provedores. Vimos unhas 30 salas para recibilos na sede central). Para cortalas hai unhas mesas que poden ter uns 30 metros de longo con unhas máquinas que van extendendo os rolos de tea, formando unhas 50 capas. Para facilitar o manexo de tanto peso as mesas teñen uns buratos polos que sae aire comprimido. Outra máquina vai precintando as teas e facendo o vacío para que, cando outra máquina empece a cortar, as teas non se movan e o corte saia perfecto.

As pezas de tea cortadas nalgúns casos son enviadas ás fábricas que están no polígono, noutros son enviadas a fábricas doutros puntos de Galiza ou norte de Portugal, e noutros a países como Marruecos, México, China ou India para o seu cosido. Aquí só queren as fases nas que se crea valor engadido, deixando os procesos máis sinxelos para empresas de países nos que a produción é moito máis barata.

Por exemplo: cal é o recorrido que fai un pantalón texano comprado por un venezolano en Caracas nunha tenda de Zara?. Estaría deseñado, patronado e cortado en Arteixo, meteríanse as pezas de tea nunha caixa de cartón e as levarían nun camión até o avión para que sexan cosidas nunha fábrica china (que cobrará uns céntimos de €) e unha vez confeccionado voltará en avión a Arteixo para ser planchado, etiquetado, comprobada a súa calidade e envolto en plástico, listo para levalo de novo en camión e avión até Caracas.

O curioso é que se no lugar dun venezolano é un chino de Shangai quen compra nun Zara , o recorrido do pantalón é o mesmo, iría a China para ser cosido, voltaría a Arteixo e de novo para China. ¿Compensa economicamente?

Vendo os beneficios de Zara está claro que sí. Producen onde máis barato é, quedándonos aquí co proceso que máis valor engadido crea e co control de toda a produción para garantir que as prendas cumplan uns estándares.
Se o pantalón vai a China con outros millóns de pantalóns e volve, é porque despois vanse distribuír a todo o mundo dende Arteixo, sen asumir o custo doutras plataformas loxísticas espalladas polos diferentes continentes. Ademáis, aproveitando as viaxes de ida e volta que fan outras prendas entre Arteixo e China, o custo do transporte dese pantalón, entre millóns, é case insignificante no prezo final.