22.1.18
Empresa e motivación
O incremento da produtividade mediante as recompensas e os castigos (o pau e a cenoura), algo que é utilizado comunmente polas empresas, só funciona para as tarefas simples, tarefas técnicas nas que non haxa que pensar ou ser creativo.
As recompensas bloquean a creatividade. E, hoxe en día, a maioría dos traballos requiren abstraer información, analizala e tomar decisións aplicando coñecementos. As tarefas simples son realizadas, cada vez máis, por técnicas automatizadas.
As novas tendencias da motivación intrínseca postulan que o que provoca maior satisfacción e motivación e, en consecuencia, maior produtividade é o desexo de facer as cousas porque nos gustan, porque son interesantes; incidindo nos conceptos de AUTONOMÍA (o impulso que dirixe as nosas vidas), MAESTRÍA (o desexo de ser cada vez mellor en algo que nos importa), e PROPÓSITO (ou compromiso: ter intención de facer o que facemos ao servizo de algo máis grande no que estamos totalmente integrados).