19.5.08
Crisis? What crisis?
Este é o título dun magnífico álbum de 1975 de Supertramp, e tamén unha das frases máis repetidas nos últimos meses por responsables dentro do goberno galego. Pero despois da publicación dos seguintes datos haberá que cambiar de disco:
O Instituto Galego de Estatística publica os datos da estimación avance da Contabilidade trimestral correspondentes ao primeiro trimestre de 2008.
O Produto interior bruto xerado pola economía galega rexistrou, respecto ao mesmo período do ano anterior, un crecemento real no primeiro trimestre do 3,2%, (a taxa no conxunto de España foi dun 2,7%). Lembremos que o dato do anterior trimestre era dun 3,8%.
Pola súa parte, a variación intertrimestral do PIB no primeiro trimestre sitúase no 0,4% (fronte ao 0,3% do conxunto español). É dicir, crecendo a este ritmo, a variación anual do PIB en 2008 sería dun 1,6% en Galiza e un 1,2% en España (lembremos que crecer por debaixo dun 2,5% - 3% se traduce en un aumento significativo da taxa de paro)
Confírmase deste xeito que a desaceleración chega a Galiza, con retraso con respecto ao resto do estado, pero con similar tendencia.
Fonte IGE